martes, 28 de febrero de 2012

Presentación do proxecto

Imaxe cortesía de Lis Latas
O Proxecto Puding (si, o nome non é normativo) trata de crear unha gaita MIDI integramente libre (tanto hardware coma software) e galega (totalmente realizada en Galicia).

De momento é o meu Proxecto Fin de Carreira (PFC) persoal, pero unha vez rematado o mesmo, agardo crear unha boa comunidade de desenvolvedores ó seu arredor. 

Ó longo da vida do proxecto e principalmente durante o presente ano académico, irei publicando toda a información referente ó mesmo tanto aquí, como en diversas redes sociais, preferentemente libres (coma identi.ca), aínda que tamén noutras privativas (coma Twitter), por motivos de visibilidade e publicidade.

Estará dispoñible tamén unha rolda de correo, principalmente para interactuar coa comunidade que se poida xerar arredor do proxecto, así coma para publicar tamén a información antes mencionada.

Obviamente, tamén haberá un repositorio de libre acceso. Dito repositorio será de só lectura para a comunidade durante a realización do PFC (pois así se me esixe), pero será de libre acceso total unha vez aprobado o mesmo.

Xa sen máis, animarvos a estar ó día das novas do proxecto e a colaborar no mesmo na medida do posible. Toda axuda será ben recibida.

Para calquera dúbida, podedes contactar comigo no seguinte enderezo electrónico.

2 comentarios: